Reclaman ante a Xunta axilidade na tramitación do PXOM de Vilaboa

Pontevedra
07 de febreiro 2018

Veciños de Vilaboa, a través da plataforma Salvemos Vilaboa e a plataforma pola aprobación do PXOM de Vilaboa, concentrábanse ante as portas do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra durante a tarde deste mércores

Protesta de veciños de Vilaboa ante a Xunta de Galicia reclamando a aprobación do PXOM Mónica Patxot

Veciños de Vilaboa, a través da plataforma Salvemos Vilaboa e a plataforma pola aprobación do PXOM de Vilaboa, concentrábanse ante as portas do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra durante a tarde deste mércores para reclamar axilidade na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Os manifestantes instan ás administracións, Xunta de Galicia, Augas de Galicia e Concello de Vilaboa, a que faciliten os pasos para que se aprobe este plan xeral.

Con pancartas, os veciños denuncian que centos de familias están a recibir ordes de demolición das súas casas, ademais de multas por parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Afirman tamén que varias familias do municipio atópanse pendentes aínda de xuízos nos que se solicita penas de cárcere, demolición de vivendas e multas.

Considéranse vícitmas dunha paralización absoluta do urbanismo municipal e condicionados polas normas urbanísticas que non se adaptan á realidade do Concello, converténdose en "delincuentes e ilegais" ante a administración.

Ante esta situación reclaman que o Concello de Vilaboa traballe para a aprobación do PXOM no menor tempo posible. Instan á Xunta a que non demore prazos e facilite a tramitación, tamén piden que Augas de Galicia axilice a emisión do informe pendente e utilice os criterios técnicos que sexan os máis áxiles e menos restritivos.

Por último, os afectados solicitan a APLU que paralice os expedientes abertos a persoas de Vilaboa mentres o PXOM atópese en trámites para a súa aprobación.

O 21 de febreiro, unha veciña de Vilaboa será xulgada por estes problemas de carácter urbanístico, que os manifestantes consideran totalmente desproporcionados..