Reclaman máis limpeza e unha mellor recollida de lixo en dúas rúas da cidade

Pontevedra
03 de novembro 2020

Veciñanza das rúas Condesa Pardo Bazán e Estrada sinalan deficiencias no servizo de recollida de residuos plásticos. Lamentan que outros residentes deixen as bolsas fóra dos contedores provocando un risco para a saúde pública

Contedores na rúa Estrada
Contedores na rúa Estrada / PontevedraViva

15.30 horas e as bolsas amoreanse xunto ao contedor de recollida de plástico, que reborda na rúa Condesa Pardo Bazán. Residentes na zona sinalan que esta situación se repite todos os luns ofrecendo mala imaxe desta zona situada nas proximidades á basílica de Santa María, nas proximidades ao centro histórico.

Ademais, a veciñanza cre que este tipo de imaxes con motivo da pandemia, deberían evitarse para garantizar a hixiene pública e a salubridade. Reclaman maior responsabilidade por parte das persoas que depositan as bolsas fose do contedor e piden ao  Concello unha mellor resposta á hora de recoller estes residuos de plástico.

Estes veciños que se queixan sinalan que a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo debería situar os contedores en espazos nos que non se dificulte a visibilidade do peón na rúa ao cruzar. Afirman que actualmente se atopan nun ángulo de visión que non permite observar ben a chegada de vehículos.

Unha situación similar prodúcese na Rúa Estrada, onde outros residentes sinalan que o servizo de recollida só baleira os contedores ao pasar cos camións pero deixa aquelas bolsas que se atopan na beirarrúa ou na calzada. Estas situacións, indican, prodúcese sobre todo durante as fins de semana.