O conflito de Ambulancias Civera chega ao Parlamento de Galicia. O BNG presentou unha serie de iniciativas para que a Consellería de Sanidade rescinda o contrato con Ambulancias Civera debido aos incumprimentos das condicións da concesión que provocaron graves situacións no terreo laboral e na atención sanitaria.
Montserrat Prado, portavoz nacionalista de Sanidade, solidarizouse coas protestas do persoal da empresa que este mércores concentrábase no Hospital Montecelo, tras a falta de pagamento da nómina do mes de decembro. Denuncia a falta de material básico, deterioración do existente e vehículos que non pasan a inspección sanitaria nin a ITV.
Tamén o PSdeG acusa ao SERGAS de actuar só "cando ten os problemas na porta". Julio Torrado, portavoz de sanidade da formación socialista, reclama que se reverta o servizo de ambulancias ao sistema público para "aumentar a calidade e acabar coa indefensión laboral".
Afirma que a xestión do servizo a través de empresas privadas é "ineficaz" xa que "a pesar da calidade dos traballadores" se presentan moitos déficits de prestacións debido a que as empresas non invisten os medios necesarios e incumpren co persoal.