Recollida de firmas diante do Hospital por un aparcadoiro gratuíto en Montecelo

Pontevedra
18 de febreiro 2025
Actualizado: 17:07

A Federación de Asociacións de Veciños “Castelao” de Pontevedra visibilizou na praza do Hospital Provincial a recollida de sinaturas para reclamar a gratuidade e ampliación do aparcadoiro hospitalario

Recollida de sinaturas diante do Hospital Provincial de Pontevedra
Recollida de sinaturas diante do Hospital Provincial de Pontevedra / Saray Alvela Caamaño

Ás 11:00 horas deste martes 18 de febreiro, a Federación de Asociacións de Veciños de Pontevedra "Castelao", estableceu un punto para a recollida de firmas diante do Hospital Provincial.

Esta campaña permanece activa na súa procura de sinaturas para que o aparcadoiro do Hospital de Montecelo sexa gratuíto e se amplíen o número de prazas.

Expoñen que o estudo por parte do SERGAS realizado sobre o aparcamento expón que a media de tempo de espera dos pacientes en Montecelo sitúase nas tres horas. "Como mínimo son 3 euros. Case é mellor que nos deixen o Leira Park", apunta o portavoz da Federación, Juan Manuel Loureiro. 

Nos primeiros momentos da posta en marcha variedade de persoas achegáronse a sumarse a causa, entre eles tamén persoal sanitario do Hospital Provincial.

O portavoz do colectivo tamén apuntou a importancia da reestruturación do transporte público da contorna, co fin de facilitar o acceso ao complexo dende puntos rurais.

Este proxecto conta co apoio das cinco plataformas da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés.

O colectivo tamén expón que na recollida inicial das sinaturas, realizada en diversos puntos, lograron 200 apoios.

Esta acción prevé establecer máis puntos coa mira posta en ‘A milla de Ouro’, na contorna de Benito Corbal; na Praza de Abastos, a Casa do Mar e na propia contorna do Hospital Montecelo. 

A campaña está dirixida ao SERGAS e á Xunta, xa que pretenden presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), e "se vemos que temos un apoio grande seguro que hai máis cousas, e falamos de concentracións, de peches, de mobilizacións. Podemos falar de moitas cousas", comentou Loureiro.

Outra das preocupacións do colectivo reside en acadar apoios da xente nova e apunta que buscarán formas de achegarse ás novas xeracións.

A asociación non contactou co Concello de Pontevedra polo momento, pero propoñen a opción de compartir iniciativa cos alcaldes da área sanitaria que queiran sumarse a proposta.

Persoal sanitario na recollida de firmas
Persoal sanitario na recollida de firmasSaray Alvela Caamaño

O portavoz dixo que lles "consta que a Subdelegación do Goberno tamén quere sumarse á esta iniciativa e nós aceptamos a todas as persoas en todo momento sin problema".

Por outra banda, persoal do Hospital Provincial e o de Montecelo considera que a situación é inadmisible: "O bono é irrisorio en relación ao número de persoas traballadoras que hai en sanidade aquí en Pontevedra", subraia representante do colectivo.