Aos pés do Hospital de Montecelo as cinco plataformas de SOS Sanidade Pública da comarca (Pontevedra, Marín, Sanxenxo, Salnés e Cerdedo) escenificaron a súa unión para tentar parar a privatización e pago do aparcadoiro previsto no hospital pontevedrés tras a súa ampliación.
"Damos o pistoletazo de saída as cinco plataformas da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés para a recoliida de sinaturas que apoien a nosa solicitude para lograr un parking con máis prazas e que sexa gratuíto, ademáis de pedir que se incrementen as liñas de transporte", explicou o portavoz de SOS Sanidade en Pontevedra, Juan Manuel Loureiro.
"Facemos un chamamento a que todos os maiores de idade nos asinen as follas. Se conseguimos sinaturas é a única forma de parar isto", defende.
Refírese Loureiro á construción dun aparcadoiro no Gran Montecelo que "significa que nos vai hipotecar a todas as persoas, veciños e veciñas, que teñamos necesidade de vir a Montecelo durante 20 anos".
O portavoz da plataforma pontevedresa explicou que ese proxecto de aparcadoiro "vai ao aire libre case na súa totalidade cun coste de 11 millóns de euros, e eso para os presupostos do Sergas é un lixo", o que se suma ás, ao seu xuízo, poucas prazas previstas e que resultarán insuficientes para dar servizo ao persoal do centro sanitario e aos pacientes e familiares.

"Esta campaña nós entendémola como un primeiro aviso que lle queremos mandar á administración. A veciñanza da área sanitaria vai responder, non imos permitir que privaticen o aparcamento para facer negocio coa nosa enfermidade e tampouco imos permitir que fagan co Gran Montecelo o mesmo que fixeron co Álvaro Cunqueiro de Vigo", engadiu durante a súa intervención Iria Aboi, portavoz de SOS Sanidade Marín.
"É moi triste que o que soluciona o problema do aparcamento de Vigo é o Concello de Vigo, non sei se aquí están pensando o mesmo", advertiu pola súa banda Loureiro.
Xunto á demanda común por un aparcadoiro público os representantes de SOS Sanidade referíronse tamén ao escaso transporte público que chega a diario a Montecelo desde os municipios da comarca.
Por iso solicitan á súa vez "que haxa un transporte público en condicións e de calidade que nos cubra poder vir por exemplo de Sanxenxo, Cambados, Meaño ou O Grove", sinalou Ana Belén Fernández desde SOS Sanidade Sanxenxo.
