Recoñecemento de ASAMPO a Protección Civil de Caldas na campaña 'Quere a quen te quere e dillo'

Pontevedra
13 de outubro 2021

Tratáse dun novo proxecto solidario para agradecer a colectivos e particulares que colaboraron durante edicións anteriores da marcha solidaria que fomenta a doazón de sangue, órganos e tecidos. O sábado 16, integrantes da asociación percorrerán a ruta portuguesa para entregar unha mención de agradecemento á agrupación voluntaria de Caldas

Pontevedrada 2019
Pontevedrada 2019 / Mónica Patxot

'Quere a quen te quere e dillo' é a invitación que realiza a Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) co seu novo proxecto solidario no que queren agradecer o labor desenvolvido por colectivos e persoas particulares que viñeron colaborando en edicións da marcha solidaria na que se fomenta a doazón de sangue, órganos e tecidos.

O primeiro recoñecemento público realizarase o vindeiro sábado 16 de outubro cunha andaina desde a Praza de España de Pontevedra ata Caldas de Reis seguindo o roteiro Portugués do Camiño a Santiago. Participarán integrantes e voluntarios da asociación para entregar unha mención de agradecemento á agrupación de Protección Civil de Caldas o labor que desenvolveron durante estes últimos anos na Pontevedrada.

Esta marcha nocturna que se suspendeu en 2020 e en 2021 por culpa da pandemia percorre 67 quilómetros e atravesa sete concellos entre Pontevedra e Compostela. O Camiño Portugués ten o seu maior número de quilómetros de tramo polo municipio de Caldas de Reis en dirección a Santiago.

Desde ASAMPO sinalan que durante todos os anos de celebración da marcha solidaria a agrupación de voluntariado de Protección Civil da localidade acompañou, protexido e animado aos participantes "sen descanso" malia as inclemencias meteorolóxicas, coincidencia con probas deportivas ou con eleccións.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora