Récord de vendas na Festa da Ostra, que recibiu a 35.000 persoas en Arcade

Soutomaior
07 de abril 2025
Actualizado: 19:32

O Concello fai balance da cita, que pechou con máis de 55.000 ostras vendidas ao longo da fin de semana. A ostra ao natural e a experiencia Ostrés esgotaron existencias

Festa da Ostra de Arcade 2025
Festa da Ostra de Arcade 2025 / Cristina Saiz

"Espectacular". É o balance realizado polo Concello de Soutomaior en relación coa XXXVII edición da Festa da Ostra, celebrada durante a fin de semana en Arcade. 

O Concello destaca que adegueiros, ostricultores e empresarios trasladaron ao alcalde, Manu Lourenzo, a súa satisfacción e agradecemento pola organización da festa, que foi un "éxito" de participación.

Malia que o tempo non acompañou durante algúns momentos da fin de semana, a festa bateu récords de asistencia tanto na noite do sábado como no día grande, o domingo ao mediodía.

Segundo o balance oficial do Concello de Soutomaior, durante a fin de semana achegáronse ata Arcade máis de 35.000 asistentes e vendéronse 55.000 ostras.   

Esta edición contou cunha carpa poligonal de 12 metros de altura, cos stands da carpa con vistas ao  fondo da ría de Vigo, e cun comedor coidado e unha ambientación adecuada. Houbo tamén copas de viño serigrafiadas.

Manu Lourenzo, destacou que "foi unha festa que se realizou co máis grandes dos agarimos para poder ofertar á veciñanza a mellor Festa da Ostra".

O éxito da Festa da Ostra vese no resultado final, esgotáronse as copas de albariño, as ostras ao natural, a gastro – experiencia OsTres, o viño albariño, quedaron esgotadas as existencias dos produtos superando as expectativas, e tal e como eles sinalaron, convertendo a 37 edición da Festa da Ostra nunha edición na que bateron todos os récords. 

Manu Lourenzo quixo unha vez máis agradecer "o traballo inxente de todas as persoas que formaron parte da XXXVII Festa da Ostra, adegueiros, ostricultores, empresarios funcionarios, empresas de montaxe... porque sen eles non sería posible acadar este resultado, é unha sorte formar parte dun equipo no que se traballa cos máis altos niveis de esixencia para mellorar a vida da veciñanza".