Nunha semana rematarán os traballos incluídos na intervención arqueolóxica que está en marcha nos terreos previstos para a nova instalación deportiva de Cabanas-Salcedo. Estas tarefas teñen o fin de determinar a posible presenza de gravados rupestres ou calquera outro vestixio arqueolóxico inédito.
Os traballos, baixo a dirección do arqueólogo Manuel Alfonsín, son actividades coma a limpeza da cuberta vexetal ou sondaxes mecánicas.
No caso de que aparezan gravados rupestres ou restos arqueolóxicos de interese será o departamento de Patrimonio da Consellería de Cultura quen determine as medidas de conservación a adoptar.
A intervención arqueolóxica e posterior informe, xunto coa venda a un tempo de todas as parcelas afectadas -que teñen 26 propietarios- son os requisitos imprescindibles para levar a cabo o proxecto de campo de fútbol de Salcedo. O proxecto conta co apoio do Consello Parroquial.
Se non hai imprevistos, o concelleiro coordinador do Rural e delegado da parroquia de Salcedo, Demetrio Gómez, calcula que os terreos poderán estar en mans do Concello na recta final do ano ou comezo do 2017. Son 14.500 metros cadrados, ao lado do CEIP Cabanas e o pavillón deportivo e veñen a reforzar o chamado núcleo de centralidade da parroquia de Salcedo.