Recuperan os montes de Caldas cun proxecto de compensación de carbono

Umia
11 de xullo 2021

As accións de recuperación acometidas nos montes veciñais de Saiar e de Paradela de Bemil superan as 90 hectáreas. Os proxectos contribúen a que a marca Únicla, de Clun, teña tódalas súas emisións de carbono compensadas no ano 2021

Repoboación nos montes de Caldas de Reis Fundación Arume

Dúas comunidades de montes de Caldas de Reis, a de Saiar e a de Paradela de Bemil, están a promover a restauración ambiental dos seus montes no marco dunha iniciativa pioneira en Galicia. 

Os proxectos de restauración de ambos montes inscribironse no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica, de xeito que as empresas interesadas en compensar as súas emisións de dióxido de carbono poidan acceder a ese mecanismo.

O seu primeiro apoio chegou da man da cooperativa Clun, que por medio dun convenio de colaboración coa Fundación Arume, comprometeuse, entre outras liñas de traballo, a apoiar a restauración ambiental de montes afectados por incendios forestais, como son os de Paradela, que quedou practicamente calcinado por completo nun lume no 2017, e o de Saiar, que sufriu outro incendio no 2016.

Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) comercializa os seus produtos lácteos a través das marcas Feiraco, Únicla, Clesa e os queixos de Arquega.

A alianza entre o sector forestal e o sector lácteo constitúe un fito e inicia o camiño para que as empresas galegas compensen as súas emisións de CO2 con investimentos no monte, que como é sabido, actúa de sumidoiro do dióxido de carbono atmosférico.

Os proxectos de recuperación acometidos en Saiar e en Paradela de Bemil están a contribuír a que a marca Únicla de CLUN teña no 2021 tódalas súas emisións de carbono compensadas. Clun, en concreto, adquiriu en ambos montes veciñais un total de 4.315 toneladas de CO2. Os fondos que reciben as comunidades por esa compensación de CO2 de Clun revertirán integramente na continuación dos traballos de restauración do monte.

As actuacións executadas ata o de agora orientáronse principalmente á repoboación e rexeneración natural con piñeiro do país e, en menor medida, con piñeiro insigne. Tamén se habilitaron franxas de frondosas caducifolias no entorno das pistas forestais e nas valgadas, cun fin fundamentalmente protector. En total, as actuacións executadas incluíron a instalación de máis de 65.000 árbores.

Ambos proxectos de recuperación contaron co apoio técnico da Asociación Forestal de Galicia, ligada á Fundación Arume, que colaborou coa propiedade na restauración ambiental de senllos montes veciñais.

Con esta iniciativa, a Fundación Arume, unha entidade sen ánimo de lucro e declarada de interese público, posiciónase como unha canle axeitada para a descarbonización da economía galega.