Recuperan en Pontevedra e Vigo as botellas de viño roubadas a Pepe Vieira

Poio
27 de maio 2026

O viño, valorado nuns 48.000 euros, estaba en posesión de dúas persoas. A principal hipótese coa que traballan os investigadores é que se tratou dun roubo por encargo

Parte das botellas roubadas no restaurante de Pepe Vieira
Parte das botellas roubadas no restaurante de Pepe Vieira / Guardia Civil de Pontevedra

A Garda Civil logrou recuperar a maior parte das máis de sesenta botellas de viño de gran valor que dous ex traballadores de Pepe Vieira lle roubaron o pasado mes de marzo no seu restaurante de Raxó.

As botellas, valoradas no seu conxunto nuns 48.000 euros, apareceron en catro rexistros realizados en dúas vivendas de Pontevedra e noutras dúas de Vigo.

Fontes da investigación confirmaron a PontevedraViva que, como consecuencia destes rexistros, imputaron outras dúas persoas por un delito de receptación do viño que foi roubado no restaurante.

A principal hipótese coa que traballan os investigadores é que se tratou dun roubo por encargo, debido ao alto valor de mercado do viño subtraído.

O asalto ao restaurante do cociñeiro pontevedrés, un establecemento con dúas estrelas Michelin, produciuse o pasado 18 de marzo.

Os dous ladróns, que deixaran de traballar para Pepe Vieira meses antes, accederon ao local de madrugada utilizando unha chave falsificada.

Tras desactivar a alarma, aproveitaron o seu coñecemento das instalacións e apoderáronse do diñeiro que había na caixa forte, uns 9.000 euros.

A continuación, baixaron á adega do restaurante e fixéronse con numerosas botellas de viño da marca Sketch, que se vende case en exclusiva en poucos restaurantes de alto nivel como o de Pepe Vieira.

Ademais, o seu botín incluiría botellas doutras marcas de importante valor.

Os dous mozos, que teñen 24 e 19 anos, foron detidos un mes despois do roubo e quedaron en liberdade con cargos tras declarar ante as autoridades.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora