Reducen a "servizos" o tráfico en Alameda, Echegaray e Alfonso XIII para limitar a saída á ponte da Barca

Pontevedra
02 de decembro 2013

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, indicou que estas medidas van encamiñadas a reducir o tráfico nesa zona urbana na que coinciden o centro de saúde, colexios e facultades. Alerta de que, en caso de que non funcione, non se descartaría o corte da ponte da Barca

Rúa Echegaray
Rúa Echegaray /
César Mosquera explica a prohibición de circular por Alameda e Echegaray /

O goberno local de Pontevedra decidiu que a ponte da Barca recupere os dous carrís cando finalicen as obras que actualmente se acometen na entrada de Poio. Non obstante, o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, anunciou que se vai limitar o tráfico nas rúas de saída cara á ponte. Desta forma, estableceuse que se prohiba o acceso e que só se permita a circulación para servizos nas rúas Alameda, Echegaray e Alfonso XIII.

Mosquera indicou que a rúa Echegaray soportaba máis tráfico que a autoestrada e que nesa zona se encontran colexios, un centro de saúde e facultades polo que entende que a actividade circulatoria debe reducirse só a "servizos". Con esta medida, agarda que se reduza tamén o tráfico de saída na ponte da Barca. De todos os xeitos, Mosquera aclarou que "se non funciona adoptaremos outras medidas" entre as que non descarta volver pechar o acceso a esta ponte.

As zonas contarán coa sinalización que alerte da prohibición de circular por esas rúas e o concelleiro sinalou que se manterán atentos a partir da apertura dos dous carrís da Barca para comprobar o fluxo do tráfico a través da Policía Local e das cámaras de control que se encontran instaladas na Glorieta de San Roque e da ponte da Barca. Mosquera concluíu "o que non pode ser é que Echegaray e Alameda estiveran cargadas de tráfico" e apuntou a que a medida tamén se tomou co consenso de comerciantes desa contorna coa intención de que se convirta nunha zona de servizos.

Dende este luns, a rúa Echegaray xa ten establecida en batería a zona de aparcadoiros.