A primeira promoción de INEF en Pontevedra cumpre 25 anos e, para celebralo, un grupo de alumnos e alumnas reuniuse na cidade.
O obxectivo do encontro era celebrar o 25 aniversario da creación da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que comezou as súas clases na Universidade de Vigo en 1999.
Os asistentes realizaron unha imaxe para o recordo, lembrando á tomada por toda a promoción o 4 de outubro de 1999, durante o primeiro día de clase na entrada da facultade.
Con este encontro, buscan celebrar "25 anos de recordos e amizade unidos polo deporte".
Os organizadores insisten en que o inicio da facultade foi "un momento clave nas nosas vidas, no que compartimos non só estudos, senón tamén experiencias, amizades, anécdotas e soños que nos marcaron para sempre".

Destacan que a primeira promoción "non é nin mellor nin peor que as seguintes", pero si foi "histórica", pois "os seus integrantes fomos pioneiros ao abrir o camiño, consolidalo e achandalo".
No seu 25 aniversario lembran que se enfrontaron a "retos inéditos", como a falta de recursos materiais, instalacións deportivas ou laboratorios.
"Humildemente, hai que dicir que o noso esforzo e dedicación marcaron un punto de partida que sentou as bases para as promocións futuras", sinalan.
Celebrar xuntos este momento é "unha forma de honrar o noso pasado, gozar o presente e fortalecer os lazos que nos seguirán unindo no futuro".
O reencontro incluíu unha foto de grupo, unha comida de confraternidade nun restaurante do casco antigo de Pontevedra e unha sorpresa: apagaron entre todos 25 velas dunha torta personalizada.