O Grupo Municipal Socialista de Poio informou de que as obras de rehabilitación da Casa Barroca do Ateneo de Combarro permanecen paralizadas.
Segundo os datos trasladados polo partido da oposición, a actuación acumula máis dun ano desde o seu comezo sen superar o 30% de execución, a pesar de que o prazo inicial anunciado polo goberno local e a Deputación de Pontevedra era de seis meses.
O voceiro socialista, Julio Casas, apuntou que o convenio administrativo que regulaba a colaboración entre o Concello e a Deputación para financiar a obra xa caducou.
Esta circunstancia obriga a ambas as institucións a tramitar un novo documento para poder reactivar os traballos no inmoble, situado no conxunto histórico de Combarro.
O PSdeG-PSOE lembrou que os trámites para a recuperación da propiedade, a clarificación da súa titularidade e a súa posterior cesión ao Concello foron xestionados polo anterior goberno local.
O deseño inicial recollía un uso público final para o edificio, enfocado na promoción turística, cultural e patrimonial da vila.
A formación critica que, tras a aprobación posterior dun modificado do proxecto e o inicio da licitación, a estrutura do edificio permaneza actualmente descuberta, coa estrutura de andamios instalada e exposta ás condicións meteorolóxicas.
Ante esta situación, os socialistas solicitaron formalmente ao alcalde, Ángel Moldes, e á Deputación de Pontevedra que ofrezan explicacións públicas sobre a porcentaxe exacta da obra executada ata o momento; as causas técnicas ou administrativas que motivaron a parálise; os prazos previstos para a tramitación do novo convenio e o calendario previsto para o remate definitivo dos traballos.
Do mesmo xeito, o grupo municipal instou a adoptar medidas de protección urxentes para asegurar a integridade e evitar a deterioración dos elementos estruturais da Casa do Ateneo mentres non se retome a actividade construtiva.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.