O goberno local de Marín mostrou este mércores a súa comprensión coas queixas da ANPA do CEIPP Sequelo, afectada polas obras de renovación do colector do río Lameira que executa Aguas de Galicia.
A concelleira Marián Sanmartín recoñeceu que se trata de traballos "moi molestos" para a comunidade educativa, aínda que subliñou que son "moi necesarios" ao resultar "clave para o saneamento de toda a vila".
A responsable municipal explicou que a intervención xa leva dous anos de execución e que nestes momentos afecta directamente ás dúas entradas do centro escolar.
A situación complícase pola confluencia doutras actuacións: a instalación dun ascensor no propio colexio e a mellora enerxética do Pavillón do Sequelo, promovida polo Concello.
A isto engádese a retirada da pasarela de madeira que comunicaba ambas entradas do centro polo seu deterioro, xa que a obra contempla unha nova senda peonil máis segura pola outra marxe do río.
"Ao coincidir en tempo todo isto, a realidade é que hai dificultades, pero iranse resolvendo nos próximos meses. Nós tamén queremos que as obras avancen, pero son complexas e agora están aproveitando ao máximo que non chove para actuar no propio leito do río", sinalou Sanmartín.
O Concello mantén as medidas adoptadas desde o comezo do curso: incremento da presenza policial para garantir a seguridade do alumnado e coordinación coa empresa construtora para impedir a circulación de maquinaria pesada durante as franxas horarias de entrada e saída dos escolares.
Ademais, o Goberno local traballa con Educación para facilitar os accesos ao centro ás familias cos escolares.