David Regades, secretario xeral do PSOE na provincia de Pontevedra, mostrou a solidariedade do partido coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, polos insultos machistas proferidos polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán. A este respecto, o socialista afeou a "indiferenza" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a súa resposta acusando os socialistas de insultar de forma recorrente.
"Que busque unha declaración miña insultando a un representante político, sexa do partido que sexa", retoulle Regades, quen lamenta a intención do dirixente popular de "camuflar como conflito político o que é simple machismo".
"Hai violencia machista e hai milleiros de mulleres sufrindo agresións físicas, psicolóxicas e tamén verbais. Non se poden normalizar os insultos a unha muller polo feito de ser muller e iso inclúe tamén ás que están en política", rematou o secretario xeral dos socialistas en Pontevedra.
O Partido Socialista de Pontevedra celebrou este venres na súa sede da capital a reunión interparlamentaria para analizar o traballo do grupo socialista nas Cortes, no Parlamento galego e na Deputación de Pontevedra.
Así mesmo, acordaron fixar para o día 26 a reunión do comité provincial no que se analizará a estratexia do PSdeG-PSOE para os procesos orgánicos que se aveciñan como o congreso Federal e o congreso Nacional.
O calendario de vacinación, a denuncia da repartición de fondos por parte da Xunta a través de convenios con concellos gobernados polo PP ou a boa acollida do Plan Concellos da Deputación foron algúns dos asuntos repasados pola interparlamentaria.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.