Regresa (en)Volve para garantir agasallos de Nadal a toda a infancia pontevedresa

Pontevedra
22 de novembro 2025
Actualizado: 13:29

A campaña busca implicar á cidadanía para que ningún neno ou nena en risco de exclusión quede sen regalo, cun sistema áxil mediante WhatsApp e a colaboración de comercios locais

Compras nunha tenda de xoguetes de Pontevedra Mónica Patxot

Xa está en marcha, un ano máis, a campaña solidaria (en)Volve coa finalidade de asegurar que ningún neno ou nena do municipio de ata 14 anos, en situación ou risco de exclusión social, quede sen agasallo na noite de Reis.

O Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Anabel Gulías, convoca á veciñanza a converterse en "cómplices" dos Reis Magos, quen recibirán unha carta personalizada, co número de referencia e o nome do destinatario, que lles será enviada por WhatsApp, facilitando así a organización e distribución dos regalos.

As persoas voluntarias teñen ata final de ano para facer entrega dos paquetes na Casa Azul (Sor Lucía, 2), identificados coas instrucións recibidas, de modo que poidan chegar ás mans dos nenos e nenas o 6 de xaneiro.

Cada "cómplice" debe proporcionar un agasallo, cun valor máximo de 35 euros e incluído na carta asignada, e recoméndase ademais achegar un libro axeitado á idade do menor para fomentar o hábito lector.

Todos os detalles do proceso, así como o acceso ao formulario de inscrición, facilítanse a través do número de contacto do programa (606.987.743) e da plataforma en liña habilitada polo Concello que figura nesta ligazón.

A campaña conta coa colaboración da xoguetería educativa "A balea das cores", que aplicará descontos do 5% en libros e do 10% en xogos e xoguetes destinados á iniciativa.

No pasado Nadal, a solidariedade da cidadanía permitiu que 440 nenos, nenas e adolescentes de Pontevedra puidesen gozar dun presente novo grazas ao programa (en)Volve e á implicación dos "cómplices" dos Reis Magos.

O Concello anima a veciñanza a sumarse a esta causa colectiva, co obxectivo de que ningún menor quede sen a súa ilusión nestas datas sinaladas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora