Regulan os espazos das atraccións do Carme para garantir a súa seguridade

Marín
06 de xullo 2026

A actividade das atraccións comezará este venres 10 de xullo, a mesma xornada na que o Marín C.F. lerá o pregón das festas

Xuntanza da concelleira Marián Sanmartín cos feirantes para preparar as Festas do Carme Concello de Marín

O Concello de Marín iniciou os traballos de supervisión e control técnico das atraccións que formarán parte das Festas do Carme.

A intención é verificar que todas as instalacións cumpren a normativa legal vixente antes de que se autorice a súa apertura ao público na contorna da Praza de España.

Para poder situarse no recinto, os responsables de cada atracción deberon presentar previamente a documentación administrativa requirida e abonar as taxas municipais correspondentes.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, e o inspector xefe da Policía Local, Benigno Blanco, mantiveron un encontro cos feirantes sobre o terreo para coordinar a distribución dos espazos.

O goberno local busca que se facilite a accesibilidade e garantir as condicións de seguridade.

Como complemento ás tarefas de control, o goberno local contratou os servizos dunha empresa externa especializada en auditorías.

Esta firma independente encargarase de revisar o estado mecánico e técnico de cada estrutura antes de poñerse en marcha.

As atraccións iniciaran o seu funcionamento este venres, 10 de xullo, a partir das 19:00 horas, e manteranse operativas ata o 17 de xullo, data na que se celebrará o Día do Neno con prezos reducidos.

A apertura do recinto feiral coincidirá co inicio dos actos centrais das festas. O Marín Club de Fútbol será o encargado de pronunciar o pregón inaugural o venres 10 de xullo, ás 21:30 horas, na Alameda. 

Entre as citas programadas atópanse a batalla de flores nocturna o 9 de xullo, a V Festa do Viño da IXP Ribeiras do Morrazo —do 10 ao 12 de xullo na Alameda— e o concerto de Lérica no Parque Eguren.

No apartado musical tamén figuran as actuacións de diversas orquestras, entre as que se inclúen Panorama (12 de xullo), Olympus (13), París de Noia (14) e Marbella (15).

Para canalizar a afluencia de visitantes, o Concello activará un plan de mobilidade específico entre o 10 e o 16 de xullo. O servizo de autobuses entre Pontevedra e Marín incrementará os seus horarios con frecuencias nocturnas cada hora.