Espectáculos de maxia, música, teatro para os máis cativos e proxeccións cinematográficas protagonizarán as actividades que se desenvolverán ao longo desta semana dentro da programación Reinicia o Verán, impulsada polas concellerías de Festexos e Cultura e que se prolongará hasta o vindeiro 20 de setembro cun gran número de iniciativas pensadas para o goce de toda a veciñanza.
Este martes 28 de xullo, a partires das 20.30 horas, a compañía Migallas representará a obra infantil Orella Pendella, no Parque da Memoria (A Seca). O mércores, o grupo De Vacas ofrecerá un concerto no parque de Costa Giráldez de Lourido, na parroquia de San Salvador. O xoves 30 de xullo será a quenda do Mago Paco, que deleitará a crianzas e maiores co seu espectáculo na Praza Alfredo Romay Besada de Samieira, ás 20.30 horas. O venres, a Praza da Granxa será o escenario dun concerto de jazz, a cargo da Jazz Frequency Group (22.00 horas). Trátase dunha formación liderada polo contrabaixista de Vilanova de Arousa Pacho Charlín.
Con respecto á fin de semana, a Escola de Acordeóns de Campelo actuará na Praza Alfredo Romay de Samieira o sábado 1 de agosto, ás 21.00 horas. Por último, o domingo 2 de agosto haberá dobre sesión de actividades. Ás 12.30 horas a Charanga Acordes protagonizará un pasarrúas pola parroquia de Raxó, mentres que ás 22.00 horas ofrecerase a proxección da película Hotel Transilvania 3 na Reiboa.
Como xa ven sendo habitual desde a estrea da programación o pasado 17 de xullo, todas as actividades desenvolveranse coas pertinentes medidas de distanciamento e de control de aforo determinadas polas autoridades competentes, dentro da nova normalidade.
OBRADOIRO DE CALIGRAFÍA CREATIVA
Por outra banda, a Biblioteca Municipal de Poio, en Campelo, acolleu na mañá deste luns un obradoiro de caligrafía creativa. Trátase dunha actividade dirixida a cativos maiores de 8 anos e que resultou un éxito de participación. A sesión, dirixida pola responsable das instalacións e que foi organizada pola Concellería de Cultura, foi de carácter gratuíto e desenvolveuse cumprindo coas medidas hixiénicas e de distanciamento decretadas polas autoridades sanitarias contra a Covid-19.
A titular deste departamento, a nacionalista Raquel Rodríguez, destacou a importancia deste obradoiro, toda vez que "na actualidade na nosa sociedade están a cobrar cada vez máis protagonismo as novas tecnoloxías, algo que tamén afecta ás crianzas, afeitas a utilizar teclados ou pantallas táctiles para escribir". Por iso, a edil de Cultura salienta a importancia de animar á rapazada a que practique a escritura a man.