Relevo na cúpula de Defensa en Pontevedra

Pontevedra
15 de decembro 2014

O coronel Ángel de Miguel Campos xurou o cargo como novo subdelegado de Defensa en Pontevedra e avanzou que o seu obxectivo fundamental para o mandato é "impulsar la divulgación de la cultura de defensa y de las diferentes unidades asentadas en esta maravillosa provincia de Pontevedra"

O coronel Ángel de Miguel Campos toma posesión como novo subdelegado de Defensa en Pontevedra
O coronel Ángel de Miguel Campos toma posesión como novo subdelegado de Defensa en Pontevedra

O coronel Ángel de Miguel Campos converteuse na nova cabeza visible do Ministerio de Defensa en Pontevedra. Tras ser nomeado pola Subsecretaría de Defensa, acaba de xurar o cargo nun discreto acto celebrado este luns no que o arrouparon autoridades militares e civiiles e no que avanzou cal vai ser o eixe do seu traballo durante os tres próximos anos: achegar as Forzas Armadas á sociedade pontevedresa.

No seu discurso como novo subdelegado de Defensa en Pontevedra, avanzou que o seu obxectivo fundamental para o mandato é "impulsar la divulgación de la cultura de defensa y de las diferentes unidades asentadas en esta maravillosa provincia de Pontevedra".

O novo responsable da Subdelegación de Defensa en Pontevedra adiantou que durante os próximos anos impulsará os lazos coa Universidade, centros de ensino, medios de comunicación e cantas institucións e organizacións poidan contribuír a transmitir o valor da Defensa como un compromiso solidario de todos os compoñentes da sociedade. 

Como reto futuro sinala que pretende alcanzar "unha relación fluída, constante e coordinada" en aras de desenvolver actividades que "faciliten el acercamiento y conocimiento mutuo entre la sociedad y sus Fuerzas Armadas". 

Deixoulle o posto o coronel Lorenzo Sánchez Enjamio, quen ocupou o cargo durante os dous últimos mandatos e que, no seu discurso como subdelegado saínte, tivo unhas palabras de recordo á axente da Policía Nacional Vanessa Lage Carreira, falecida en acto de servizo durante un tiroteo cun atracador en Vigo. 

O acto celebrado na Subdelegación de Defensa contou coa presenza de autoridades civís e militares, entre eles, o delegado de Defensa en Galicia, o capitán de navío José Abado Vilas, que elogió a traxectoria do novo subdelegado, un oficial condecorado con medallas da OTAN ou a ONU que leva desde o ano 1988 residindo en Pontevedra.

Mentres no interior da Subdelegación De Miguel Campos xuraba o seu cargo, os traballadores da empresa Cleanet protestaban no exterior ao berro de "queremos paga, Defensa no da la cara".

A protesta pretende pedir que o ministerio mova ficha no conflito laboral que manteñen coa súa empresa, pois é a concesionaria do servizo de limpeza nas instalacións da Base Xeneral Morillo, a Residencia Militar, o Centro de Defensa en Campolongo e a Escola Naval. Trátase dunha empresa concesionaria de Defensa que acumula impagos de nóminas aos seus traballadores e o persoal entende que o Ministerio non debe permanecer inmóbil.