Beatriz Mato presionará a Defensa no conflito das traballadoras de Cleanet

Pontevedra
17 de decembro 2014

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asegurou no Parlamento galego que presionará ao Ministerio de Defensa para resolver a "situación inaceptable", que sofren as empregadas da limpeza da empresa Cleanet ás que a concesionaria debe varias nóminas

A conselleira Beatriz Mato nunha intervención no Parlamento
A conselleira Beatriz Mato nunha intervención no Parlamento / Xunta de Galicia

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asegurou no Parlamento galego que presionará ao Ministerio de Defensa para resolver a "situación inaceptable", que sofren as empregadas da limpeza da empresa Cleanet ás que a concesionaria debe varias nóminas.

"E exercemos e exerceremos todas as medidas de presión que fagan falta ante o Ministerio de Defensa para que se lle dea unha saída a esta situación inaceptable", asegurou.

"Se a empresa non reacciona", debería irse á "resolución do contrato" como vía para que "as traballadoras poidan desempeñar o seu traballo e reciban os seus salarios", indicou Mato.

En resposta á vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, a conselleira chegou a suxerir que a solución está na rescisión do contrato con esta empresa.

Na súa intervención, Beatriz Mato destacou que a Xunta non ten competencias nesta materia e que depende do ministerio de Pedro Morenés. A titular de Traballo explicou que se levantaron tres actas de infracción, con cualificación de "moi grave" e cunha sanción de 18.000 euros para a empresa, que está en fase de tramitación.