Remata o TapeaPoio con máis de 5.000 tapas vendidas e un nivel culinario "arrollador"

Poio
21 de maio 2025
Actualizado: 17:31

O xurado, composto por Pepe Solla, Xosé Cannas, Marga Pazos e Alberto Ribas degustou e valorou unha vintena de tapas para outorgar o Premio nas categorías Tradicional e Creativa

Xurado do Tapea Poio 2025 probando os petiscos
Xurado do Tapea Poio 2025 probando os petiscos / Concello de Poio

Rematou o TapeaPoio 2025, o certame gastronómico organizado polo Concello de Poio que tivo un nivel culinario "arrollador" e acadou grande satisfacción no sector e cun impacto económico inmediato "moi importante".

Así o sinalou o alcalde, Ángel Moldes, que amosou a súa "satisfacción" ao coñecer os primeiros datos de participación, que indican que entre o 2 e o 18 de maio os establecementos participantes venderon máis de 5.000 tapas.

"Segundo os datos dispoñibles, o evento xerou un impacto económico directo moi importante, ao que hai que engadir o retorno a medio e longo prazo, cunha oportunidade de promoción e proxección evidentes, o que demostra a nosa capacidade para dinamizar a economía local en sectores clave como a hostalaría, o comercio e o turismo", dixo o alcalde.

O Xurado Experto do TapeaPoio 2025 reuniuse esta semana para valorar as creacións presentadas en cada categoría, un peche ideal á parte competitiva do certame. A xornada desenvolveuse no Pazo de Colón e "deixou un marabilloso sabor de boca ao xurado, desde logo, pero tamén a todos os que puidemos vivila", subliñou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón.

O panel de expertos formado polos chefs Pepe Solla (Casa Solla, Estrella Michelín) e Xosé Cannas (Pepe Vieira, dúas Estrella Michelín), a empresaria Marga Pazos, co-fundadora e responsable de desenvolvemento de produto de Salmoira, e o influencer Alberto Ribas, responsable do blog "Alvientoo" de gastronomía e viaxes, compartiu mesa para degustar e valorar unha vintena de tapas presentadas ao certame.

Foi o responsable de cada establecemento quen preparou directamente a súa tapa utilizando as cociñas do propio Pazo. A continuación, levaban cadansúa tapa ao salón para presentarlla ao xurado e explicarlle composición, ingredientes... e respondendo preguntas sobre os ingredientes, a preparación ou a inspiración.

Marga Pazos quixo destacar en nome do xurado o nivel "arrollador" do certame este ano, un crecemento que se explica "grazas á esixencia, o rigor e a creatividade dos participantes".

"Hai algo que me emociona especialmente, e é a conexión que xera entre cociñeiros e público", resaltou. "É unha forma de vivir a gastronomía que vai máis alá dun prato e creo que TapeaPoio soubo cultivar esa proximidade como un dos maiores valores do certame".

O fallo do xurado, que outorga un premio por categoría, unirase aos premios do público, un primeiro e un segundo por categoría, á tapa que recibise máis puntos. Nestes momentos estanse recontando os votos físicos e telemáticos dos clientes para determinar os galardóns populares en cada categoría e para sortear os premios cedidos polas empresas e institucións colaboradoras.

Todos estes premios -aos restauradores polas mellores tapas, e ao público que votou, por sorteo, daranse a coñecer o días 2 de xuño na II Gala da Hostalería de Poio.

Xurado do Tapea Poio
Xurado do Tapea Poio