Rematada a obra na estrada provincial EP-0509 ao seu paso por Barro

Barro
11 de agosto 2021

As actuacións leváronse a cabo ao longo de toda a estrada, que discorre entre o Ramal da Igrexa ata Portela, no concello de Barro, para paliar a deficiente situación da capa de rodaxe e a falta de sinalización

O alcalde de Barro, o deputado provincial de Infraestruturas e o concelleiro de Obras na remodelada EP-0509
O alcalde de Barro, o deputado provincial de Infraestruturas e o concelleiro de Obras na remodelada EP-0509 /

A Deputación de Pontevedra rematou coa execución das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0509, que discorre entre o Ramal da Igrexa ata Portela, no concello de Barro.

O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, e o concelleiro de Obras, Iván Bello, achegáronse a comprobar o resultado dos traballos, que foron adxudicados por 16.600 euros.

As actuacións leváronse a cabo ao longo de toda a estrada, de 240 metros de lonxitude, para paliar a deficiente situación da capa de rodaxe e a falta de sinalización.

Durante os dous meses de traballo rozáronse as cunetas, renovouse a capa de rodaxe, procedeuse ao pintado das marcas dos viarios e ao reforzo da sinalización vertical. Tamén se instalaron redutores físicos de velocidade.

A actuación seguiu o modelo de mobilidade amable, segura e sostible que está a aplicar a institución provincial na rede de estradas.

INVESTIMENTOS NO CONCELLO DE BARRO

A Deputación informa de que leva investidos en Barro preto de oito millóns de euros desde 2015.

Unha gran parte deste montante corresponde ao Plan Concellos e a investimentos en materia de infraestruturas, como é o caso da mellora da seguridade viaria na EP-0509.

Tamén destaca a achega provincial para a redacción do proxecto de execución da estación depuradora EDAR no polígono de Barro (1.240.250 €), a mellora da seguridade viaria na EP-0506 Curro-Portela (453.600 €), a pavimentación e dotación de servizos na EP-0505 N-550 – igrexa de Perdecanai (327.565 €) ou a recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na EP-0508 Curro-San Amaro, ao seu paso pola praza de San Amaro (303.280 €). Ademais, o concello de Barro conta dende hai dous veráns cunha piscina pública en Outeiro financiada co Plan Reequilibrio (286.800 €).