Rematada a senda peonil que fai máis seguro o acceso á praia de Aguete

Marín
17 de maio 2023

A Deputación investiu máis de 215.000 euros nunha actuación enmarcada no proxecto de mellora da mobilidade na EP-1205. Por esta zona transcorre un elevado número de persoas especialmente no verán, que ata agora non contaban cunha zona adaptada á circulación peonil cunhas axeitadas condicións de seguridade para o tránsito a pé

Senda peonil de acceso á praia de Aguete
Senda peonil de acceso á praia de Aguete / Deputación de Pontevedra

A senda peonil de acceso a pé á praia de Aguete, en Marín, está xa rematada e permite aos peóns chegar ata o areal en óptimas condicións de seguridade.

Isto é resultado dunhas obras recentemente rematadas froito dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Marín. O 70% sufragouno a institución provincial e o 30% restante a local.

A Deputación investiu máis de 215.000 euros. Dado que Marín decidiu empregar recursos do Plan Concellos da Deputación para sufragar a súa porcentaxe correspondente,  o financiamento íntegro desta actuación procede de fondos da institución provincial.

Trátase dunha actuación enmarcada no proxecto de mellora da mobilidade na EP-1205. Por esta zona transcorre un elevado número de persoas especialmente nos meses de verán, que ata agora non contaban cunha zona adaptada á circulación peonil cunhas axeitadas condicións de seguridade para o tránsito a pé.

Antes da actuación as e os peóns víanse na obriga de invadir a calzada para poder acceder á praia de Aguete e agora contan cunha senda peonil de 2,5 metros de ancho na marxe dereita da vía e totalmente separada da calzada mediante fitos.

Ademais, as obras na EP-1205 incluíron tamén a dotación dunha nova beiravía de 50 centímetros de ancho na marxe contraria e unha cuneta de seguridade do mesmo ancho para facilitar a permeabilidade peonil, e mais a renovación da sinalización horizontal e vertical.