Un total de 35.000 euros veñen de investirse nas obras de mellora da cuberta do ximnasio que se estiveron a realizar no CEIP de Tenorio.
Os traballos, que consisten na reparación das filtracións de auga polo paso do tempo e os cambios na climatoloxía, foron financiados pola Xunta de Galicia, que destinou 23.000 euros ao cambio da cuberta, e polo propio Concello de Cotobade, que aportou outros 12.000 euro para o pintado exterior do pavillón e novas ventás.
Ademais destas obras, a Consellería de Cultura e Educación leva feitas outras melloras neste centro como a substitución do termo eléctrico ou a reforma da instalación do saneamento das augas.
Na visita que realizou este luns ao colexio, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, destacou que nos últimos anos lévanse realizado diversas obras de mellora noutros centros do municipio como a reforma da instalación da fontanaría ou a de gas no CEIP de Carballedo, "contando cun investimento de máis de 160.000 euros entre os centros de educación Primaria e de Secundaria".
Durante a visita o delegado territorial e o alcalde acordaron facer un informe técnico para avaliar a reparación do peche exterior do centro. Deste xeito, a obra será asumida ao 50% por ambas administracións.