Rematan as obras no Consultorio de Ponte Sampaio e o Sergas confirma a incorporación do médico este luns 14

Pontevedra
11 de setembro 2020
Actualizado: 17:24

O centro médico, segundo o goberno local de Pontevedra, xa está acondicionado ás necesidades do Plan de continxencia da Covid despois de efectuarse as reformas esta semana por valor de 19.885 euros. O Concello xa comunicou o remate da obra ao Servizo Galego de Saúde para a incorporación do facultativo, que ofreza o mesmo servizo que antes da pandemia

Obras no centro médico de Ponte Sampaio
Obras no centro médico de Ponte Sampaio

Este xoves finalizaron os traballos de reforma para acondicionar o Centro Médico de Ponte Sampaio para adaptalo ás necesidades establecidas no Plan de continxencia da Covid. Era unha esixencia do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para que poida regresar o profesional facultativo a este consultorio da parroquia pontevedresa e que se ofreza o mesmo servizo que antes do inicio da pandemia.

Os traballos aprobábase o luns por procedemento de emerxencia e cun custo de 19.885 euros instaláronse en catro días unha nova porta exterior que facilita a entrada e saída aos pacientes; unha sala de illamento respiratorio independente; outra sala de espera respiratoria tamén independente; unha porta de acceso exterior á sala de illamento; unha porta de acceso interior desde a sala de espera respiratoria e a colocación de timbres en ambas as entradas.

Segundo anuncia o goberno local de Pontevedra, o SERGAS xa foi informado nas últimas horas da finalización das obras e o Concello de Pontevedra espera que desde a Consellería de  Sanidade se cumpra o compromiso de incorporar ao médico a este consultorio para partir do luns 14, tal e como se acordou entre ambas as institucións, despois de numerosas protestas veciñais demandando este servizo para evitar desprazamentos ao Centro de Saúde Virxe Peregrina de Pontevedra.

A resposta do Sergas non se fixo esperar e este mesmo venres confirmaron que a actividade de Atención Primaria no consultorio de Ponte Sampaio reactivarase o luns co servizo dun facultativo de Medicina Familiar e Comunitaria, así como con profesionais de Enfermería.

Explican desde  Sanidade que esta reactivación pode facerse realidade agora despois das obras realizadas polo Concello para adaptar o edificio ás continxencias da pandemia da Covid-19, que agora si reúne todas as condicións para prestar servizo con seguridade para os pacientes e traballadores.

Despois desta reforma, o edificio xa pode habilitar dobres circuítos, contar cunha sala de illamento e efectuar a triaxe na entrada.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora