A partir deste luns 16 de outubro, Renfe incorpora unha nova frecuencia de trens entre Vigo e Santiago que, entre outras localidades, contará con paradas en Pontevedra e Vilagarcía.
Este tren sairá da estación de Vigo-Guixar ás 17:05 horas e chegará a Santiago hora e media despois, ás 18:35 horas. A liña, que terá parada en Redondela, Pontecesures e Padrón, chegará a Pontevedra ás 17:32 horas e a Vilagarcía ás 17:50 horas.
Esta nova frecuencia diaria de trens no Eixo Atlántico obrigará a modificar o horario doutra xa existente.
Así, o tren que actualmente realiza o traxecto Santiago - Vilagarcía e sae da capital ás 18:00 horas, a partir do próximo luns, terá a súa saída programada ás 19:10 horas.
Renfe destaca que o pasado 28 de marzo, a oferta entre Santiago e Vilagarcía de Arousa ampliouse con catro trens entre ambas as cidades, e un servizo máis entre Santiago e Vigo-Guixar.
Ademais, outros dous trens que xa circulaban entre Santiago e Vigo-Guixar, ampliaron os seus días de circulación pasando a ser diarios.
Con este servizo, serán un total de 143 as frecuencias semanais en cada sentido, un total de 286 se se suman ambos os sentidos, as que permitirán desprazarse ao longo do Eixo Atlántico.