Renovación "ampla" no Partido Popular en 2018 para afrontar as eleccións municipais

Pontevedra
21 de decembro 2017

O 2018 será un ano importante para o Partido Popular de Pontevedra. Así o sinalou o seu presidente, Alfonso Rueda, na súa intervención ante o Comité Executivo Provincial, que despediu o ano cunha xuntanza na que puxeron as bases para acometer unha "ampla" renovación nos 61 concellos para afrontar con garantías as próximas eleccións municipais

Comité Executivo Provincial do PP de Pontevedra
Comité Executivo Provincial do PP de Pontevedra / Partido Popular de Pontevedra

O 2018 será un ano importante para o Partido Popular de Pontevedra. Así o sinalou o seu presidente, Alfonso Rueda, na súa intervención ante o Comité Executivo Provincial, que despediu o ano cunha xuntanza na que puxeron as bases para acometer unha "ampla" renovación nos 61 concellos para afrontar con garantías as próximas eleccións municipais.

Este traballo, asegurou Rueda, dará continuidade á "renovación total" do discurso do partido, que se está a producir coa incorporación dun "amplo abano" de persoas procedentes de diferentes sectores e que están a contribuír a que o PP estea "máis apegado" á realidade cotiá dos veciños da provincia.

O presidente do PP de Pontevedra animou aos seus compañeiros a confiar neste modelo "aperturista" e impregnarse das novas ideas que aportan os cidadáns "atraídos" polo partido. Esta "ilusión colectiva" permitirá, engadir, encontrar aos mellores candidatos para afrontar "con garantías de transversalidade e de éxito" os comicios locais.

"Temos a clara idea de que todo o mundo suma, pero tamén somos conscientes de que hai que adaptar o noso discurso e o noso xeito de actuar ás novas demandas que nos reclama a cidadanía deixando atrás comportamentos indesexables e caducos", dixo Rueda no comité.

Dentro desta filosofía de "proximidade", o comité executivo aprobou a realización dunha nova edición de revistas locais en todas e cada unha das agrupacións da provincia co fin de manter ese contacto directo coa cidadanía.

Previamente á intervención de Alfonso Rueda tomou a palabra o voceiro do PP na Deputación, Ángel Moldes, quen fixo un "retrato" da realidade do ente provincial que, lamentou, "vai camiño de retrotraernos a tempos xa esquecidos dun nulo futuro caracterizado pola parálise e a morte por inanición da acción social e de infraestruturas para os municipios máis modestos".

Moldes referiuse á actuación do PP como un "auténtico acicate" para que a presidenta "esperte do seu letargo político" e o BNG non poida levar a cabo a súa "política decidida de desidia e desmantelamento dos servizos e infraestruturas que tanto custou crear ao longo dos anos de esforzo investidor con cartos dos contribuíntes e que agora esmorecen enferruxados".