Renovación das beirarrúas entre o Concello de Moraña e a Carballeira de Santa Lucía

Umia
25 de agosto 2021

A actuación, financiada pola Deputación de Pontevedra, realizouse na Rúa 1, no centro urbano de Moraña. Ademais das beirarrúas, obrouse sobre a zona máis próxima á Carballeira de Santa Lucía, que quedou equipada con tres bancos, unha papeleira, alcorques axardinados e un magnolio

Visita ao fin de obra da humanización da Rúa 1 de Moraña
Visita ao fin de obra da humanización da Rúa 1 de Moraña / Deputación de Pontevedra

O núcleo de Santa Lucía, no centro urbano de Moraña, estrea unha nova configuración máis moderna e amable para as persoas que camiñan e para o tránsito con outros medios, ao eliminarse barreiras arquitectónicas.

A actuación fixo posible a humanización e mellora da seguridade peonil da Rúa 1 e a posta en valor da zona verde da Carballeira de Santa Lucía, cun investimento de máis de 111.000 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O deputado provincial Gregorio Agís achegábase este mércores á localidade para coñecer o aspecto final desta contorna na compaña do alcalde de Moraña, José Cela.  

As obras tiveron como obxecto revitalizar a arteria principal do núcleo urbano de Moraña, onde tamén se concentra unha grande actividade comercial, e que presentaba deficiencias con baldosas rotas ou levantadas. Actuouse en preto de 550 metros de rúa urbana, desde o cruce da Casa do Concello ata o final da Carballeira, conectando cun treito de beirarrúas renovadas nunha actuación anterior. Trátase do tramo urbano da estrada PO-226, pertencente á Rede Autonómica de Estradas, polo que a pesar de ser unha obra financiada pola Deputación, o Concello tivo que tramitar a autorización diante da Axencia Galega de Infraestruturas, así como a licenza da Dirección Xeral de Patrimonio a causa da proximidade  dunha edificación catalogada.

A reforma consistiu na demolición das beirarrúas e bordos, así como do aglomerado asfáltico nun punto concreto para ampliar o espazo dedicado aos viandantes. As novas beirarrúas quedaron finalizadas en dúas configuracións: unha parte rematouse en formigón con xuntas de lastros prefabricados, e o resto pavimentouse con baldosas con franxas de granito.

Amais, canalizouse a rede de iluminación pública, mellorouse a recollida de pluviais e procedeuse á preinstalación para o subministro eléctrico. Finalmente, instaláronse dous cubrecontedores con estrutura de aceiro e forrados con listóns de madeira e chapa frontal co escudo e nome do Concello de Moraña en aceiro cortén.

A zona máis próxima á Carballeira de Santa Lucía quedou equipada con tres bancos, unha papeleira, alcorques axardinados e plantouse un magnolio.