Renovada a iluminación da contorna do Campiño de Santa María con tiras e proxectores LED

Pontevedra
06 de agosto 2025

O Concello de Pontevedra inviste 26.000 euros na transformación lumínica desta zona empregando 82 proxectores LED de última xeración, entre outras melloras

Iluminación do Campiño de Santa María
Iluminación do Campiño de Santa María / Concello de Pontevedra

A contorna do Campiño de Santa María presenta unha nova imaxe noctura dende esta semana tras finalizar os traballos de renovación da iluminación neste emblemático espazo do centro histórico pontevedrés.

O proxecto, executado pola empresa local SETGA, supuxo un investimento de 26.000 euros e forma parte do plan municipal para mellorar a accesibilidade e poñer en valor o patrimonio histórico da cidade.

A actuación, que se enmarca nos obxectivos de mantemento e mellora dos espazos públicos para este mandato, incluíu a instalación de máis dun cento de elementos lumínicos de alta eficiencia enerxética que combinan funcionalidade e estética.

Entre as principais intervencións destaca a colocación de 82 proxectores LED HLP de alto rendemento, desenvolvidos pola propia empresa pontevedresa.

Estes dispositivos, fabricados en aluminio inxectado e dotados dun avanzado sistema de disipación térmica, permiten unha iluminación precisa dos elementos arquitectónicos sen xerar contaminación luminosa.

O proxecto complétase con 13 balizas empotradas que facilitan a orientación nocturna, a renovación integral da iluminación nas varandas para reforzar a seguridade nas zonas de tránsito peonil,

Tamén foron instaladas tiras LED nos bancos, que proporcionan unha luz tenue e envolvente que mellora a experiencia de uso deste mobiliario urbano.

Esta renovación, segundo o Concello de Pontevedra, permite modernizar tecnoloxicamente a zona e mellora significativamente a experiencia de visitantes e veciños, reforzando a percepción de seguridade mentres se respecta e realza o valor patrimonial do conxunto histórico.

Esta actuación inscríbese nunha estratexia máis ampla de mellora do mantemento de todos os espazos públicos da cidade, co obxectivo de manter as diferentes zonas "en perfecto estado de revista", segundo indica o goberno local.

A contorna de Santa María coa nova iluminación
A contorna de Santa María coa nova iluminaciónConcello de Pontevedra
Nova iluminación na contorna do Campiño
Nova iluminación na contorna do CampiñoConcello de Pontevedra