A renovada Residencia Afundación encara o novo curso con todas as prazas cubertas

Pontevedra
13 de xuño 2026

Un total de 130 estudantes universitarios e de formación profesional residirán no centro, que estreará o novo período lectivo despois de completar un amplo proceso de renovación

Residencia de Estudiantes de Afundación en Pontevedra Afundación Pontevedra

A Residencia de Estudantes de Afundación en Pontevedra comezará o próximo curso académico 2026-2027 con plena ocupación e unha lista de espera de aspirantes.

Un total de 130 estudantes universitarios e de formación profesional residirán no centro, que estreará o novo período lectivo despois de completar un amplo proceso de renovación das súas instalacións.

O edificio, que abriu as súas portas en 1969, suma xa máis de medio século de traxectoria ao servizo da comunidade educativa.

Durante estes 57 anos, máis de 4.000 mozos pasaron polas súas habitacións durante o curso académico, mentres que outros 8.000 participantes gozaron das súas actividades estivais.

A transformación do inmoble supuxo un investimento superior ao millón de euros e permitiu modernizar distintos espazos, desde a fachada e os ascensores até as habitacións, zonas comúns e áreas axardinadas.

As últimas actuacións, actualmente en execución, céntranse na mellora das instalacións deportivas e do vestíbulo principal, co obxectivo de que estean finalizadas antes do inicio das clases.

As reformas incorporaron criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética, ademais de melloras en accesibilidade e deseño, adaptando o edificio ás necesidades actuais dos residentes.

Residencia de Estudantes Afundación Pontevedra

Antes do comezo do novo curso, as instalacións vivirán unha xornada especialmente significativa. Este sábado 13 de xuño, o centro celebrará un encontro de antigos residentes que reunirá a 115 persoas pertencentes a distintas promocións que pasaron parte da súa etapa formativa na residencia.

Situada na Avenida de Vigo, a escasos minutos das estacións de tren e autobús, a residencia dispón de máis de 5.000 metros cadrados distribuídos en cinco plantas. En total conta con 101 habitacións, das cales 43 son individuais e 58 dobres. Parte destas últimas destínanse a uso individual para responder as preferencias e necesidades dos estudantes aloxados.

Ademais dos espazos residenciais, o complexo ofrece diversas instalacións orientadas ao estudo, a convivencia e o lecer, entre elas salas de traballo, televisión, xogos, aulas polivalentes e zonas deportivas.

Por outra banda, a residencia volverá converterse este verán en sede dos campamentos organizados por Special Olympics Galicia. Máis de 200 participantes serán os primeiros en utilizar as instalacións renovadas durante os meses de xullo e agosto.

Esta iniciativa promove a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual mediante actividades de lecer, deporte e convivencia, favorecendo a súa participación en igualdade de condicións. A entidade organizadora está integrada por familias e profesionais que traballan para impulsar o acceso ao tempo libre, o deporte adaptado e a integración social deste colectivo.