Xuño concentra os actos de graduación de máis de 430 estudantes do campus

Pontevedra
01 de xuño 2026

O campus pontevedrés despedirá unha nova promoción de egresados, pechando un curso académico marcado polo recoñecemento ao esforzo e á formación universitaria das novas xeracións de profesionais

Graduación do alumnado de Fisioterapia en 2025
Graduación do alumnado de Fisioterapia en 2025 / Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra vivirá durante este mes de xuño un intenso calendario de graduacións no que máis de 430 estudantes porán fin á súa etapa universitaria.

As cerimonias reunirán alumnado, profesorado, familiares e representantes académicos nunha serie de actos que servirán para recoñecer o esforzo realizado durante os últimos anos de formación.

O programa de graduacións xa arrancou o pasado 8 de maio coa celebración do acto da Facultade de Belas Artes, no que participaron 89 novos titulados. O evento, desenvolvido no Pazo da Cultura de Pontevedra, contou coa profesora Susana Cendán como madriña académica.

As celebracións continuarán este mes coa Facultade de Comunicación como protagonista da primeira cita. O Grao en Comunicación Audiovisual celebrará a súa graduación este venres no salón de actos da facultade, onde 34 estudantes recibirán as súas bandas e diplomas. O acto contará coa participación como madriña e padriño académicos de Diana Ramahí e Oswaldo García.

Unha semana máis tarde, o 12 de xuño, será a quenda dos 79 estudantes de Publicidade e Relacións Públicas. A cerimonia, prevista no auditorio do Centro Príncipe Felipe, contará con Iván Puentes e Carmen Maiz como padriño e madriña académicos, mentres que Pedro Figueroa e Rafael Sierra asumirán o apadriñamento profesional.

Ese mesmo día tamén terá lugar a graduación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, na que participarán 24 estudantes entre as modalidades presencial e virtual. Os profesores Constantino Cordal e Vitoria Canoura exercerán como referentes académicos dunha cerimonia que contará coa asistencia do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

A xornada do 12 de xuño completarase coa graduación da Escola de Enxeñaría Forestal. Un total de 20 estudantes recibirán os seus diplomas nun acto no que actuarán como padriño e madriña académicos o profesor Juan Luis Somoza e a directora da escola, Ángeles Cancela.

Posteriormente, o 19 de xuño, celebrarase a graduación da décimo sétima promoción do Grao en Fisioterapia. Os 46 novos profesionais desta disciplina participarán nun acto amenizado polo coro polifónico universitario e que contará con Esther Monge e Gustavo Rodríguez como madriña e padriño académicos.

O calendario concluirá o 29 de xuño coa graduación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o centro con maior volume de alumnado do campus. Serán tres cerimonias consecutivas nas recibirán os seus diplomas 68 estudantes de Educación Primaria, 75 de Educación Infantil e 85 de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, sumando un total de 228 novos titulados.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora