Renovan o asfaltado de varios treitos de Eduardo Pondal, Alcalde Hevia e Doce de novembro

Pontevedra
18 de outubro 2020

Durante os dous próximos días, tres importantes rúas da cidade renovarán o seu pavimento. Trátase de Eduardo Pondal, Alcalde Hevia e Doce de novembro, incluídas na segunda fase da reposición de firmes encargada polo goberno municipal de Pontevedra

Asfaltado da Rúa Cordón Concello de Pontevedra

Durante os dous próximos días, tres importantes rúas da cidade renovarán o seu pavimento. Trátase de Eduardo Pondal, Alcalde Hevia e Doce de novembro, incluídas na segunda fase da reposición de firmes encargada polo goberno municipal de Pontevedra.

Os asfaltados previstos para luns e martes, se o tempo acompaña, pretender solucionar os estragos en determinados tramos do firme, xa que teñen esgotada a súa vida útil polo uso.

En Eduardo Pondal a pavimentación parcial da rúa comezará este luns, a partir das 15.00 horas, no tramo comprendido entre Doce de novembro e a rúa da Estación. En principio non supón cortes de tráfico que será dirixido con pasos alternativos.

Para o luns tamén mañá está programado o asfaltado do primeiro tramo da rúa Alcalde Hevia, entre María Victoria Moreno e San Pedro Alcántara. Farase inicialmente o fresado da calzada e, a continuación, o seu asfaltado. Neste caso será preciso pechar a rúa polo que os vehículos poderán circular cara Iglesias Vilarelle ou Augusto García Sánchez.

A rúa Doce de novembro sumarase o martes a este plan de pavimentacións. En concreto, a rotonda coa rúa Teixoeira. Neste punto tamén está previsto un fresado previo e un asfaltado a continuación. A Policía Local elaborou un plan de tráfico para a zona durante estes traballos.

Estas novas pavimentacións incorpóranse ás xa feitas durante estes dez días e completaranse con outras antes de que remate o mes, dependendo das condicións meteorolóxicas.

Xa está acabada a pavimentación da rúa Cordón e algúns tramos da rúa da Santiña, ambas no barrio do Burgo, realizados durante as xornadas do xoves e do venres.

Tamén se incluíron neste plan de reposición do firme a rúa Alexandre Bóveda e Celso Emilio Ferreiro, para acondicionar os accesos á zona escolar e universitaria, e as avenidas do Uruguai e de Bos Aires, onde se actuou diante do náutico e na traseira do mercado de abastos.

Antes de que remate outubro, o Concello prevé actuar tamén no pavimento de Casimiro Gómez, o entronque de Perfecto Feijoo con Barcelos ou a rúa Daniel de la Sota.