A alcaldesa de Marín, María Ramallo, informou este luns que xa está aberta a licitación para concorrer á renovación dunha bomba de calor deshumectadora na piscina municipal da Raña, xa que a actual presenta un estado deteriorado e é unha máquina esencial para o correcto funcionamento da instalación deportiva.
Os traballos incluirán a desmontaxe da máquina actual, así como os conductos e tubaxes existentes, e a instalación da nova, incluíndo a instalación dos conductos novos de impulsión e retorno, que serán de aceiro galvanizado.
Tamén se habilitará a conexión hidráulica da batería de calor.
O orzamento de licitación ascende a 82.350 euros e terá un prazo de execución de tres semanas desde a formalización do contrato.
Por outro lado, xa está adxudicada a instalación do aire acondicionado, que suporá unha inversión de cerca de 65.000 euros con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestructuras Deportivas da Deputación de Pontevedra.
O único que queda pendente é a adxudicación da dirección de obra para que poidan iniciar a instalación desta máquina o antes posible, resolvendo unha das grandes demandas das persoas usuarias desta zona.
Finalmente, dentro do plan provincial tamén se investirán 15.000 euros para un novo acumulador de ACS.
"Queremos seguir investindo na piscina municipal, animando á xente a que veña a nadar e tamén a outras actividades, pero somos conscientes de que é unha infraestrutura que require moitísima inversión, moitísimo mantemento e na que é difícil resolver todo de golpe", indicou Ramallo.