Renovarán a pasarela do río Tripeira na praia da Concha investindo 20.000 euros

O Salnés
25 de maio 2026

O Concello de Vilagarcía de Arousa financia a reparación estrutural e o cambio de varandas cun prazo de execución de dous meses tras recibir o permiso de Costas

Presentación da renovación da ponte do Tripeira na Concha
Presentación da renovación da ponte do Tripeira na Concha / Concello de Vilagarcía de Arousa

A fachada marítima de Vilagarcía de Arousa sumará unha nova intervención coa reforma da ponte peonil que cruza o río Tripeira na súa desembocadura, na praia da Concha.

O Concello asume o financiamento íntegro desta actuación, orzada en 20.000 euros, co obxectivo de que as obras estean listass para o período estival, coincidindo co remate da nova zona verde do Ramal.

A administración local decidiu afrontar este gasto municipal, malia ser unha competencia do departamento autonómico de Costas, para axilizar os prazos.

A tramitación administrativa xa conta coa autorización correspondente despois de que o goberno local remitise a declaración responsable.

O proxecto estrutúrase en tres áreas diferenciadas, segundo detallou o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou. Na primeira zona, situada no treito interior, cambiaranse as actuais varandas de madeira que bordean o leito do regato.

O segundo tramo céntrase na estrutura e no pavimento do propio viaduto peonil. Finalmente, na parte que conecta co mar, instalaranse 46 postes unidos por cordas para diminuír o impacto visual na área litoraleira.

Esta obra forma parte da liña de actuacións desenvoltas no espazo costeiro urbano durante os últimos anos polo goberno que encabeza Alberto Varela.

Entre os precedentes atópanse a derriba do edificio do CIRA, a retirada do miradoiro de madeira, a renovación do alumbrado e do paseo, as melloras no saneamento das augas e a rexeneración ambiental do propio areal.

Os plans municipais para esta franxa costeira completaranse coa apertura ao uso público do peirao do Ramal. As contas municipais deste ano recollen unha partida económica destinada á demolición das naves da entrada do molle, cuxo acondicionamento posterior corresponderá á Autoridade Portuaria.