Reparado o muro de contención na contorna da ermida da Lanzada

Sanxenxo
21 de maio 2020

Un desprendemento de pedras, a finais do pasado mes de febreiro, obrigou a elaborar un proxecto de obra de emerxencia, realizado polo arquitecto municipal, e a valar a zona para impedir o acceso ao detectarse un alto risco de derrube. A obra foi sufragada con fondos municipais e tivo un custo de 9.478 euros

Supervisión do final de obra do muro de contención na contorna da ermida da Lanzada
Supervisión do final de obra do muro de contención na contorna da ermida da Lanzada / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo remataba esta semana a reparación do muro de contención do cantil da Lanzada, situado na contorna das escaleiras que se sitúan detrás da ermida.

Un desprendemento de pedras, a finais do pasado mes de febreiro, obrigou a elaborar un proxecto de obra de emerxencia, realizado polo arquitecto municipal, e a valar a zona para impedir o acceso ao detectarse un alto risco de derrube. A obra foi sufragada con fondos municipais e tivo un custo de 9.478 euros.

O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial, María Deza, supervisaron o final da obra acompañados do párroco da Lanzada e dos técnicos que executaron a reparación. Tras a visita, procedeuse á retirada do valado e a apertura do acceso.

O Concello de Sanxenxo notificou á Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar esta reparación, despois de que o organismo estatal comunicase que non participaría na rehabilitación deste muro ao asegurar nun informe que non afecta o dominio público marítimo terrestre.

Do proxecto tamén se informou á Secretaria Xeral Técnica e do Patrimonio da Xunta de Galicia, xa que a obra inicial fora executada en 1980 para evitar os danos dos temporais e atópase dentro da área de protección da ermida.