Reparan os parques infantís de Mollavao e Ponte Boleira

Pontevedra
26 de maio 2024

O Concello de Pontevedra está a realizar unha supervisión das áreas infantís en corenta parques, dos que 26 xa foron diagnosticados para a súa revisión. A concellería de Servizos Urbanos básicos tamén instalou un bambán adaptado no espazo infantil do Parque de Europa, situado no barrio de Monte Porreiro

Operarios traballan na reparación do parque infantil de Mollavao
Operarios traballan na reparación do parque infantil de Mollavao / Concello de Pontevedra

Coa intención de revisar o estado de conservación en que se atopan as áreas infantís de xogo no municipio, a concellería de Servizos Urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, está a realizar unha análise de corenta espazos, con 26 diagnósticos xa efectuados, atendendo ás diferentes normativas reguladoras de seguridade.

Durante esta supervisión avalíase desde a capacidade amortecedora de impactos da superficie ata posibles deficiencias nos diferentes elementos de xogo.

Esta semana xa se iniciaban os primeiros traballos de reparación en Mollavao e en Ponte Boleira. Por este motivo, permanecerán pechados durante uns días ata que finalicen as obras.

No caso de Ponte Boleira realizarase unha limpeza xeral, con reparación  do pavimento de céspede artificial; reparación e pintado do valo que rodea o espazo; arranxo integral de diversos xogos; e pintado. O orzamento sitúase en 15.581 euros.

No parque infantil de Mollavao, que se atopa na Rúa Fonte Santa, tamén se executará unha limpeza xeral con desinfección. Repararanse tamén varios xogos e pintarase o valo de madeira; ademais de realizar cambios de tapóns, parafusos e outros elementos que se atopen deteriorados. O orzamento das obras é de 5.560 euros.

Por outra banda, esta concellería en coordinación con Alberto Oubiña, concelleiro responsable do barrio de Monte Porreiro, instalaba esta semana un bambán adaptado no espazo infantil que se atopa situado no Parque de Europa. Residentes na zona demandaban esta incorporación desde hai tempo.