A repartición "discriminatoria" de fondos provinciais aos municipios de Pontevedra e Vigo centrou o debate do pleno extraordinario celebrado este martes na Deputación de Pontevedra, en substitución da sesión ordinaria do mes de setembro.
O encontro estivo marcado pola toma de posesión de dous novos deputados do Partido Popular: Paula Bouzós, concelleira en Gondomar, e Pablo Castillo, alcalde de Covelo. Ambos substitúen a Nava Castro e Sandra Bastos, quen renunciaron ás súas actas dentro do proceso de renovación interna previsto polo PP para a segunda metade do mandato. Castro era responsable da área de Turismo, e Bastos, de Igualdade e Benestar Social.
A sesión iniciouse cun minuto de silencio en memoria das "vítimas da guerra en Gaza", a proposta da presidencia.
O punto máis relevante do pleno foi a aprobación do quinto expediente de modificación de créditos do presente exercicio, cun importe superior aos 64 millóns de euros. O documento foi aprobado cos votos do PP, mentres que PSOE e BNG votaron en contra, denunciando unha repartición desigual dos fondos que, ao seu xuízo, prexudica a Vigo e Pontevedra en beneficio doutros municipios con menor poboación.
O portavoz do BNG, César Mosquera, acusou o Goberno provincial de "bochornoso" e asegurou que "pasará á historia como o que peor tratou ao Concello de Pontevedra". Na mesma liña, a socialista Ana Laura Iglesias acusou o PP de minusvalorar as dúas principais cidades da provincia.
"Teñen tomada a decisión de putear o Concello de Pontevedra", sinalou o portavoz nacionalista.
Desde o grupo popular, o portavoz Jorge Cubela defendeu o expediente e acusou a oposición de "construír un inimigo exterior" e actuar como "réximes que necesitan xustificar as súas mentiras".
O expediente inclúe, entre outras partidas, a amortización total do préstamo de 19,5 millóns de euros solicitado en 2021 para o programa REACPON, así como o financiamento do Plan Provincia Extraordinaria 2025 e o III Plan de Infraestruturas Deportivas, cuxas bases foron aprobadas por unanimidade.
No ámbito de infraestruturas, o pleno deu luz verde ao proxecto construtivo do novo viario de conexión entre a avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro, coñecido como viario de Mollavao. A infraestrutura, de 97 metros de lonxitude, será executada polo Concello de Pontevedra e ten como obxectivo mellorar a fluidez do tráfico na zona sur da cidade.
No apartado de mocións, o PP sacou adiante en solitario unha proposta para instar o Goberno central a impulsar o aeroporto de Peinador e esixir a AENA que rectifique a subida de taxas. O BNG propuxo unha emenda reclamando un plan de dinamización da Xunta e a reactivación do comité de rutas, mentres que o PSOE acusou ao PP de "oportunismo" e de promover unha "política aeroportuaria de depredadores do aire", alertando do risco de converter Peinador nun aeroporto de mercadorías en beneficio de Santiago.
O grupo popular rexeitou dúas mocións socialistas: unha para reclamar á Xunta a asunción do financiamento e xestión dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), e outra para mellorar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Por último, o BNG defendeu sen éxito unha moción para recuperar as axudas á rehabilitación do patrimonio marítimo e fluvial, o goberno provincial anunciou que a convocatoria de subvencións xa está a ser tramitada.