Cen tarxetas agasallo de 50 euros cada unha. É o que repartirá a campaña impulsada polo Concello de Marín para fomentar o consumo nos establecementos comerciais da vila de cara a estas festas de Nadal.
Para participar, será preciso realizar compras nos comercios de Marín ou consumir nos establecementos hostaleiros por valor superior a 30 euros, ben cun só recibo ou cunha agrupación de varios, entre o 1 de decembro e o 15 de xaneiro.
Estarán exentas as farmacias, gasolineiras e os supermercados.
Os recibos, que teñen que ser orixinais, terán que depositarse na caixa que se habilitará na Oficina de Turismo da Praza de España co nome e a identificación do cliente.
O luns 17 de xaneiro, ás 12.00 horas, terá lugar o sorteo no salón de plenos para coñecer aos gañadores destas cen tarxetas, que terán que gastalas tamén na economía local de Marín ata como máximo o 31 de marzo de 2022.
"Sabemos que estas datas son de gran consumo e por iso queremos volver premiar á veciñanza que é fiel á economía local da nosa vila, facendo as súas compras e consumicións aquí, e animar a outros a que o fagan", explicou a concelleira de Comercio, Cristina Acuña
O pasado ano esta campaña supuxo un impacto de 82.000 euros na economía local.