Carlos Iglesias, alcalde da Illa de Arousa, enviou nas últimas horas un escrito ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no que lle reclama unha reunión urxente para tratar a situación actual do Centro de Saúde do municipio e a data de reposición do servizo de pediatría.
O rexedor considera unha "nova discriminación da Xunta" que os escolares se vexan obrigados a desprazarse a Cambados para acceder á consulta dun especialista en enfermidades infantís.
O goberno local cualifica de "insostible" a precariedade actual da Atención Primaria no municipio e explica que o Centro de Saúde durante toda a semana foi atendido por un só facultativo, obrigando a cancelar todas as citas médicas non urxentes e as especialidades.
Lembra que na Illa esta situación de "precariedade" remóntase a dous anos atrás cun número insuficiente de facultativos e a falta de cobertura durante as baixas por enfermidade e vacacións do persoal médico. A iso hai que sumar a suspensión da consulta de pediatría que está a causar malestar social.
Carlos Iglesias no escrito móstralle tamén a preocupación de que por falta de facultativos nas consultas resulte máis difícil a detección e a atención de patoloxías clínicas e, no caso da poboación infantil, de forma máis relevante ao carecer dun especialista. Por iso demanda unha solución inmediata.
Pola contra, o goberno socialista da Illa estudará novas mobilizacións de protesta do mesmo xeito que está a suceder noutros puntos da comarca onde tamén se rexistra unha situación deficiente.