Despois de dúas xornadas de incremento moderado de pacientes afectados de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés (16 o mércores e 11 o xoves), as cifras oficiais ofrecidas pola Consellería de Sanidade este venres 3 de abril ofrecen un repunte nos datos locais, con 32 casos activos máis nas últimas 24 horas para facer un total de 425.
Ante esta situación medra lixeiramente a cifra de hospitalizados en planta, con 95 casos (13 no Hospital do Salnés), mentres que os ingresados na Unidade de Coidados Intensivos seguen sendo 19. O resto de diagnosticados, 311, permanecen nos seus domicilios.
Por outra banda nas últimas 24 horas non se produciron defuncións asociadas ao Covid-19 na área sanitaria pontevedresa, mantendo en nove a cifra de falecidos desde o inicio da crise.
En canto ás altas hospitalarias, son xa 39 os pacientes que conseguiron superar a enfermidade tras un incremento de 7 persoas nas últimas horas.
A nivel autonómico modérase o incremento de casos rexistrados, xa que segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, na última actualización, o número de afectados por coronavirus en Galicia ascende a 4.635 (+256). Deles 990 son da área da Coruña, 533 da de Lugo, 694 da de Ourense, 1.049 da área de Vigo, 675 da de Santiago, e 269 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 176 permanecen en UCI, 870 están en unidades de hospitalización e 3.589 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 435 altas de pacientes e 149 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 23.324.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.