Requiren o inmediato repartimento provisional das prazas de aparcadoiro no novo Edificio Xudicial de A Parda

Pontevedra
15 de xuño 2020

O sindicato SPJ-USO esixe á Dirección Xeral de Xustiza e á xuíza decana que se realice esa distribución das prazas libres. O novo edificio conta con 233 prazas de aparcadoiro. O sindicato sinala que 390 persoas traballa nas instalacións xudiciais da Parda e atopan dificultades para aparcar nesa zona da cidade mentres numerosas prazas estan baleiras no párking

Inauguración do novo edificio xudicial na Parda
Inauguración do novo edificio xudicial na Parda / Mónica Patxot

O sindicato SPJ-USO, en representación de persoal que traballa nos edificios xudiciais da Parda de Pontevedra, denuncia as dificultades de aparcadoiro que atopan os profesionais que se achegan a diario a estas instalacións.

Sinalan que solicitaron de maneira urxente o repartimento provisional de todas as prazas de garaxe que se atopan no novo Edificio Xudicial da Parda sen recibir resposta por parte da xuíza decana nin da propia Dirección Xeral de Xustiza.

Denuncia que hai catro meses, a Administración autonómica garantiu que se realizaría unha repartición definitiva dos aparcadoiros dos garaxes e se marcaban un prazo de dous meses para executar esa distribución. A mesma promesa, afirma SPJ-USO, volveu realizala a xuíza decana hai unha semana pero sinalou que se trataba dunha previsión optimista ao estar pendentes das obras que actualmente acometen no vello edificio dos xulgados.

O sindicato asegura que no novo Edificio Xudicial hai máis dun cento de prazas sen adxudicar e que se atopan libres neste momento "debido á absoluta desidia e deixadez da Administración". A xuíz decana afirmoulles que non está previsto realizar un repartimento provisional ata que se decida a adxudicación definitiva, cando rematen as obras no antigo edificio, para non establecer situacións de "dereitos adquiridos".

Ante esta situación, José Nilo Fernández en representación de SPJ-USO indica ao Director Xeral de Xustiza que, se non se resolve esta situación de maneira inmediata, se adoptarán medidas para que se distribúan esas prazas desocupados ao entender que unha repartición provisional non debería xerar problemas.

No novo Edificio hai un total de 233 prazas, ás que hai que sumar 56 do edificio antigo, para un total de 390 persoas que realizan traballos en ámbalas dependencias. Alertan ademais, desde SPJ-USO, que estarán tamén vixiantes no momento en que se realice a repartición deifinitva de todas as prazas de garaxe para que sexa xusta, equitativa, igualitaria e proporcional.