Un condutor de 58 anos, veciño de Sanxenxo, foi trasladado no helicóptero Pesca I do Servizo de Gardacostas de Galicia ao hospital de Ourense tras caer co seu coche por un barranco de 80 metros e acabar nun arroio.
Sucedeu este sábado 18 de xaneiro nunha zona montañosa da localidade ourensá de Monterrei. Concretamente no lugar de Paradiña, unha aldea abandonada de Infesta.
O home perdeu o control do seu todoterreo, saíuse da vía e descendeu 80 metros até acabar nun arroio, onde quedou atrapado.
O 112 Galicia foi informado do accidente por Urxencias Sanitarias de Galicia-061 pouco antes do tres da tarde.
O persoal médico solicitou a colaboración doutros servizos de emerxencia para acceder ao único involucrado, quen terminou nun regato tras saírse da estrada na zona de Rebordondo.
Inmediatamente, o 112 Galicia solicitou a activación de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos Bombeiros de Verín, do GES de Laza e da Garda Civil de Tráfico.
O coche atopábase nunha zona de difícil acceso e cun importante desnivel, o que dificultaba o traslado dos feridos en padiola ao solo.