Rescatan un exemplar de cachalote pequeno en Vilaboa

Vilaboa
05 de novembro 2020

Un equipo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia detectaba este mércores un exemplar de Kogia breviceps, que se atopaba varado na lameira do fondo da ría de Vigo, no municipio de Vilaboa. Unha vez rescatado, grazas á colaboración do CEMMA, foi liberado preto das Illas Cíesspansegoe>

Cachalote Kogia breviceps rescatado en Vilaboa
Cachalote Kogia breviceps rescatado en Vilaboa / CEMMA

Un equipo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia detectaba este mércores un exemplar de cachalote pequeno que se atopaba varado con vida no fondo da ría de Vigo, no municipio de Vilaboa.

Ata o lugar onde apareceu o cachalote desprazábanse dúas unidades de Gardería da consellería e dúas unidades móbiles do CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños). Estes efectivos lograron retirar o animal da lameira e evacualo por terra ata o porto de San Adrián de Cobres. Unha vez nas instalacións portuarias foi estabilizado para que, a continuación, trasladalo a unha embarcación de gardacostas de Galicia.

Finalmente foi transportado ata as proximidades das  Illas Cíes e alí foi liberado. Esta especie de cachalote, Kogia breviceps, habita normalmente en augas profundas, habitualmente entre os 400 e os 1.000 metros de profundidade. Aliméntase de gran variedade de luras, peces e crustáceos, segundo explica Andrea  F.  Vallego do portal Puce, especializado en Bioloxía.

Estes cachalotes teñen a aparencia dunha marsopa ou mesmo dunha quenlla, aspecto que lle evita a depredación, cunha mandíbula delgada e colgante. Presentan un corpo robusto, que se estreita na cola. Segundo os especialistas, trátase dunha especie de hábitos preferiblemente nocturnos e solitarios. Ademais é un animal cosmopolita, que habita en augas tépedas e tropicais en océanos como o Atlántico, o Pacífico e o Índico. 

Neste caso de Vilaboa, os responsables do CEMMA, a ONG fundada en 1992, conseguiron grazas á súa rápida intervención que o pequeno cachalote varado poida seguir percorrendo  augas das Rías Baixas.