Rescatan un golfiño atrapado pola baixamar en Lourizán

Pontevedra
07 de setembro 2018
Actualizado: 08 de setembro

O animal atopábase este venres sobre as 11.15 horas na zona da autovía en Lourizán fronte á fábrica de ENCE cando se viu sorprendido nunha área de escaso calado da que era incapaz de saír

Femia de arroaz atrapada en Lourizán
Femia de arroaz atrapada en Lourizán

Uns particulares rescataron un golfiño que se quedou atrapado pola baixamar.

O animal atopábase este venres sobre as 11.15 horas na zona da autovía en Lourizán fronte á fábrica de ENCE cando se viu sorprendido nunha área de escaso calado da que era incapaz de saír.

Segundo informaron os membros de Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) tratábase dunha femia de arroaz (Tursiops truncatus).

O animal presentaba unhas marcas extrañas diante dos pectorais e circundándolle o tórax son dunha antiga captura accidental.

A primeira alerta a deron unhas mariscadoras "atenderon á arroaz dende o primeiro momento". Xa cos membros da ONG ambiental gallega conseguiron levala ata augas profundas e que collera en dirección á ría, xunto cos bombeiros de Pontevedra.

Dende a CEMMA queren transmitir o seu agradecemento a patrona mayor de Lourizán, Mari Carmen Vázquez, e a Nerea, "atentas en todo momento", tamén aos bombeiros e ao persoal da Gardería de Medio Ambiente, "que se presentaron na zona para apoiar o rescate".

"Sobre todo a Manuel e a Carme, que acompañaron dende antes da chegada da CEMMA ata o final. Desta volta foi exitoso o rescate", din.

Estes labores lévanse a cabo no ámbito da Rede de Varamentos de Galicia, que funciona a través do convenio de asistencia a fauna mariña ameazada que a CEMMA ten coa Dirección Xeral de patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

A presenza de golfiños nas Rías Baixas converteuse nunha estampa cotiá. Este verán o Instituto para o Estudo dos Golfiños Mulares documentou a presenza duns 3.000 exemplares de golfiño común que pescaban xuntos.