Rescatan un mozo que caeu ao río Lérez ás catro da madrugada

Pontevedra
12 de febreiro 2017

Axentes da Policía Local de Pontevedra sacárono da auga utilizando unha corda. Atopábase á boia, pero no medio do río á altura do mercado de abastos.O mozo foi trasladado polos servizos sanitarios ao Hospital Montecelo 

Os bombeiros nunha intervención no río Lérez Diego Torrado

Axentes da Policía Local rescataron na madrugada deste sábado a este domingo a un mozo que caeu ao río Lérez e pedía axuda. Para sacalo da auga, utilizaron unha corda xunto cun chaleco salvavidas, segundo indicaron fontes oficiais do Corpo

Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, un particular chamoulles sobre as 4.00 horas contando que o mozo se atopaba á boia, pero no medio do río. Segundo informaron os Bombeiros, ocorreu no tramo do río Lérez situado á altura do mercado de abastos.

O 112 mobilizou a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Pontevedra e ás policías Local e Nacional. Os axentes municipais foron os encargados do rescate, pois contan cun chaleco e unha corda no coche patrulla e, ao chegar ao lugar, lanzáronllo á persoa que estaba na auga e axudárono a chegar a terra. Segundo indicaron os Bombeiros, cando eles chegaron, os axentes xa o rescataban, de modo que non foi necesaria a súa intervención. 

O mozo, que estivo consciente en todo momento, foi trasladado polos servizos sanitarios ao Hospital Montecelo. Horas despois, recibiu a alta sanitaria sen presentar lesións de importancia.

Na zona tamén estaba polo menos un amigo do mozo, que pedía auxilio e gritaba asustado desde terra, segundo membros do operativo de rescate. Agora, a Policía Local de Pontevedra ten aberta unha investigación para aclarar o sucedido.