Dúas persoas tiveron que ser rescatadas na tarde deste domingo 3 de setembro despois de chocar a embarcación coa que navegan contra unha batea na Ría de Arousa.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, os propios afectados contactaron a pasadas as sete da tarde para comentar a situación e explicaron que a bordo da embarcación navegaban dúas persoas.
Segundo explicaron, a embarcación chocou contra unha batea preto da Illa de Pedregoso, en Arousa, e, como consecuencia do impacto, unha das persoas que ía a bordo resultou ferida e as dúas necesitaban un rescate para saír da auga.
O 112 solicitou a colaboración de Salvamento Marítimo, que enviou á zona a Salvamar Sargadelos e trasladou os dous feridos ao porto de Ribeira, onde agardaba unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para ofrecer os primeiros coidados.
Unha das persoas recibiu un golpe nas costelas que lle dificultaba a respiración. Tras recibir os primeiros coidados no porto de Ribeira, tivo que ser evacuada a un centro hospitalario.
Neste operativo tamén participaron o grupo municipal de emerxencias de Ribeira e axentes da Policía Local e da Garda Civil.