Dúas patrullas da Policía Nacional de Pontevedra e persoal sanitario dunha ambulancia do 061 colaboraron na tarde deste xoves para rescatar un home que caeu ao río Gafos e estaba inconsciente.
Ocorreu sobre as 17.45 horas deste xoves. Unha testemuña chamou alertando de que acababa de ver como un home caía ao río e acudiron primeiro unha ambulancia e, xusto despois, dúas dotacións policiais.
O persoal da ambulancia tentaba rescatar o home da auga cando chegaron os policías, que se meteron no río para colaborar en sacalo.
Estaba empapado e inconsciente, de modo que foi trasladado ao Hospital Montecelo.
O home caeu á auga no paseo do Gafos na zona próxima ao antigo muíño e a praza de Ponte Boleira.
Nesa zona hai unha edificación dun antigo matadoiro, que ten unha parede duns 8 metros de altura.
A unha altura duns dous metros aproximadamente hai un pequeno camiño moi estreito perpendicular á parede.
O home ía por ese camiño, que está cheo de maleza, cando caeu á auga.
Por este incidente tamén foron alertados os Bombeiros de Pontevedra.