Reservan 110.000 euros para comprar os terreos e deseñar a residencia de Carballedo

Cerdedo Cotobade
20 de decembro 2018

Acordouse a reserva dunha partida de 50.000 euros para acometer a adquisición dos terreos, nas proximidades da capela de San Roque e do futuro aparcadoiro fronte ao centro de saúde, e doutra de 60.000 euros para a redacción do proxecto construtivo

Jorge Cubela na Chan, en Carballedo
Jorge Cubela na Chan, en Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade reservará unha partida de 110.000 euros para avanzar na construción da futura residencia da terceira idade de Carballedo.

Tras a derradeira xuntanza mantida polo goberno local para perfilar a previsión de contas do próximo exercicio, acordouse a inclusión dunha partida de 50.000 euros para acometer a adquisición dos terreos, nas proximidades da capela de San Roque e do futuro aparcadoiro fronte ao centro de saúde, e doutra de 60.000 euros para a redacción do proxecto construtivo

O presidente municipal, Jorge Cubela, entende que dado que o plan especial de dotacións da residencia debería quedar definitivamente aprobado no mes de febreiro, é fundamental que se dean estes dous pasos durante o vindeiro ano para proceder á licitación das obras e da explotación do complexo, trámite que agardan para finais de 2019 ou comezos de 2020

Na actualidade, e de xeito paralelo a estas previsións económicas, o proxecto da residencia de Carballedo afronta a fase final da súa adecuación urbanística e tan só falta o ditame da Xunta de Galicia, que Cerdedo-Cotobade conta con que sexa positivo.

O proxecto, impulsado polo goberno municipal, contempla un investimento duns tres millóns de euros para a construción dun edificio de 3.304 metros cadrados que se situaría nunha parcela de máis de 8.000 metros situada no centro do núcleo da Chan.

Este xeriátrico contará inicialmente con 59 prazas de residentes e xerará unha vintena de postos de traballo.