As obras de reforma da residencia de maiores de Campolongo encaran xa a súa recta final e a previsión é que estean rematadas "salvo pequenos detalles que haxa que mellorar" este ano, "en novembro".
Así o deu a coñecer este luns o director do centro, Juan José López Peña, coincidindo co inicio da campaña vacunal fronte á gripe e a covid-19.
As actuacións, que executa a empresa Ogmios cun investimento de 4 millóns de euros, permitirán tamén aumentar a capacidade da residencia.
"Estamos xa con novos ingresos para chegar ata o máximo", indicou o director. Márcanse un obxectivo máximo de 130 residentes, fronte aos 74 actuais.
A previsión é "chegar nas dúas próximas semanas ao tope para estar xa a plena dispoñibilidade". O director insiste en que "imos tentar aumentar o máximo porque, honradamente, temos que dar resposta a unha necesidade que cada vez é maior".
As obras xa permitiron renovar enteira a segunda planta da residencia, con 43 prazas que "melloran a atención, sobre todo, a grandes dependentes".
Engadiuse nesa planta unha nova área de enfermaría que "está perfectamente dotada" con farmacia, despachos e sete camas. O obxectivo é que "en perfecta coordinación co Sergas", poidan atender mellor os residentes, en especial a aqueles con maiores problemas e, sobre todo, nos últimos días de vida.
Esta actuación realizouse pensando que "se esta é a súa casa, teñen que terminar aquí os seus días e non nun hospital, porque non podemos acompañalos alí", evitando, desta forma, os finais tristes e solitarios que acaban tendo os residentes no hospital.
As obras están agora pendentes de dotar de material e rede informática a esa planta.
A actuación contempla o aumento das condicións de illamento. Melloráronse as xanelas e o sistema de climatización e incluíuse a cobertura da terraza para que se poida utilizar como zona de usos múltiples, deixando un espazo exterior para o uso das persoas residentes.