Restablecida a circulación na rúa Progreso tras o escape de gas

Sanxenxo
11 de setembro 2019
Actualizado: 17:06

As obras de reforma da rúa Progreso rexistraron este mércores un incidente ao romper unha tubaxe do gas. O escape obrigou a desaloxar temporalmente o edificio situado fronte á gabia onde se produciu a avaría e provocou o corte temporal desta vía principal de Sanxenxo

Escape de gas nas obras da rúa Progreso
Escape de gas nas obras da rúa Progreso

As obras de reforma da rúa Progreso rexistraron este mércores un incidente ao romper unha tubaxe do gas.

O 112 Galicia foi alertado polo Servizo Local de Xestión de Emerxencias de Sanxenxo ás 10.15 horas deste mércores dun escape de gas  provocado por unha pa escavadora ao romper accidentalmente a condución.

Segundo informou o Concello de Sanxenxo, o escape obrigou a desaloxar temporalmente un edificio situado fronte á gabia onde se produciu a avaría. A Garda Civil precisou que foron "unhas 50 persoas" as que saíron das súas residencias durante o escape.

Ata as 13.00 horas, momento no que se restableceu a situación, estivo cortada ao tráfico a PO-308 na rúa Progreso, sendo desviada a circulación neste punto por Padriñán.

O Concello de Sanxenxo explicou que un axente da policía mareouse lixeiramente como consecuencia da inhalación de gas. Os servizos sanitarios do 061 puxéronlle osíxeno co que enseguida se recuperou e puido seguir traballando con normalidade. A Garda Civil engade que outras dúas persoas foron atendidas no momento sen que fose necesaria a súa evacuación.

As medicións realizadas polos bombeiros de descartaron a presenza de gas nas vivendas.

Interviñeron neste incidente a Policía Local e o Servizo de Emerxencias de Sanxenxo, os Bombeiros do Salnés, a Garda Civil e o Servicio de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.